Modifícanse os prazos de presentación das declaracións e autoliquidacións?

O Real Decreto-lei 14/2020 estableceu a ampliación do prazo para determinadas declaracións e autoliquidacións tributarias.

 

En concreto amplíanse ata o 20 de maio os prazos de presentación e ingreso das declaracións e autoliquidacións tributarias cuxo vencemento se produza a partir do día 15 de abril e ata o día 20 de maio de 2020 para os seguintes obrigados tributarios:

 

  • obrigados con volume de operacións non superior a 600.000 euros no ano 2019. Para estes efectos, o volume de operacións será o previsto no artigo 121 da Lei do IVA, e no seu defecto cando non exista obriga de presentar declaracións relativas ao IVA (por exemplo no caso de operacións exclusivamente exentas previsto no terceiro parágrafo do artigo 71.1 do RIVA ou no caso de réxime especial da recarga de equivalencia), o Importe Neto da Cifra de Negocios do Imposto sobre Sociedades ou o equivalente no caso do Imposto sobre a Renda de Persoas Físicas.
  • no caso dos obrigados que teñan a consideración de Administracións públicas, incluída a Seguridade Social, será requisito necesario que o seu último Presuposto anual aprobado non supere a cantidade de 600.000 euros.

Nestes casos, a domiciliación bancaria poderá realizarse ata o 15 de maio de 2020, inclusive. O cargo en conta efectuarase o 20 de maio de 2020. Respecto ás domiciliacións que se efectuasen ata o 15 de abril de 2020, o cargo en conta realizarase o 20 de maio de 2020.

 

A ampliación dos prazos de presentación e ingreso non resultará de aplicación:

 

  • aos grupos fiscais que apliquen o réxime especial de consolidación fiscal regulado no Capítulo VI do Título VII da Lei 27/2014, do 27 de novembro, do Imposto sobre Sociedades, con independencia do seu importe neto da cifra de negocios, nin aos grupos de entidades que tributen no réxime especial de grupos de entidades do Imposto sobre o Valor Engadido regulado no Capítulo IX do Título IX da Lei 37/1992, do 28 de decembro, do Imposto sobre o Valor Engadido, con independencia do seu volume de operacións.
  • á presentación de declaracións reguladas polo Regulamento (UE) nº 952/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 9 de outubro de 2013, polo que se aproba o código aduaneiro da Unión e ou pola súa normativa de desenvolvemento.

 

De forma adicional recórdase que se adoptaron medidas de flexibilización de aprazamentos (ver o apartado de cuestións sobre as medidas de aprazamentos).